ALGO MÁIS DE COR. TERAPIA HABITACIÓN DE HOSPITAL

Organizado pola Asociación Cultural Sen Marco, coorganizado polo CGAC e baseándose nas teorías da artista Mónica Alonso sobre espazos terapéuticos, o proxecto desenvolveuse na área de lactantes do CHUS. Os pais e nais recibiron unha maqueta da mesma habitación na que se aloxaron durante o ingreso hospitalario do seu fillo ou filla así como todo o material necesario para transformar o espazo —a cor, o mobiliario, a disposición dos elementos...— a escala 1:10. Así mesmo, tanto os pais e nais, como os profesionais do hospital, reflexionaron e responderon a unha serie de enquisas arredor das asociacións entre cor e saúde/enfermidade e outros aspectos de interese para o estudo e a elaboración dunhas conclusións que están xa en fase de publicación.

Todo o traballo foi desenvolvido co apoio e o acompañamento das integrantes da Asociación Cultural Sen Marco en cada unha das sesións. A redución do tamaño do espazo do cuarto permitiu visualizalo no seu conxunto e facilitou o acceso mental ao mesmo. Unha vez transformada a maqueta, interiorizáronse as reflexións e decisións, e foi ese espazo transformado —no canto do real— o que pasou a ser considerado ou recordado como o lugar da estadía no hospital.
Ao tempo que se investiga sobre as posibilidades terapéuticas da cor e do espazo nun contexto asociado á enfermidade e a dor, esta proposta vincula arte contemporánea e terapia. Procura minimizar a vivencia do espazo hospitalario, relacionando o período do ingreso coa creación artística.
As maquetas que se presentan aquí propoñen diferentes relacións co espazo que acolle a enfermidade e reflicten que a colaboración e o diálogo implican a transformación dos contextos da educación, da arte e da relación entre as institucións e os diferentes colectivos implicados no proxecto.