Parafraseando o título da exposición Gravity & Grace. The Changing Condition of Sculpture 1965-1975, que tivo lugar en Londres en 1993, Gravity and Disgrace Ep. 1 parte do principio de inestabilidade procesual e teórica que caracteriza a contemporaneidade para suxerir unha reflexión sobre as instancias creativas que representan un mundo en mutación vertixinosa. Así, as obras que se presentan neste primeiro episodio dun evento que se desdobrará noutros momentos expositivos, editorais, e de reflexión teñen a súa raíz en prácticas que cuestionan as condicións contemporáneas de construción social, e contrapoñen á idea de equilibrio e harmonía as máis proficuas interrogacións en canto proceso, a fluidez contextual como ferramenta crítica e a revisión das aporías do modernismo como elemento fundamental dunha comprensión más ampla de presente.
La bandera en la cima é primeira presentación completa do proxecto que Rafel G. Bianchi iniciou en 2007: pintar de xeito pormenorizado as catorce montañas máis altas do mundo, os catorce oitomiles. Unha xesta que no ámbito do alpinismo está cargada de heroicidade e que na súa repetición como proxecto artístico delata o papel do artista embarcado nunha tarefa absurda. Ademais das catorce pinturas finais, La bandera en la cima tamén recolle, nun símil entre a documentación do alpinismo e as estratexias documentais de arte conceptual, os rastros do seu proceso en debuxos, fotografías, películas ou carteis, moitos deles realizados en colaboración con outros creadores.
De la generosidad inscríbese nun ciclo de exposicións que, ao longo dos últimos anos, se veñen organizando a partir da colección da Fundación Helga de Alvear. Nesta ocasión, o CGAC acolle unha selección de obras deste singular acervo baixo o comisariado do seu director Miguel von Hafe Pérez.
