Proxectado e construído entre 1988 e 1993 polo arquitecto portugués Álvaro Siza (Premio Pritzker 1993), o edificio que alberga o Centro Galego de Arte Contemporánea atópase nunha das zonas monumentais máis suxestivas e simbólicas de Santiago de Compostela: no límite da cidade histórica, e ó lado da antiga porta de entrada do Camiño Francés.

O edificio está situado ó lado e en relación directa co convento (actualmente, museo etnográfico) de San Domingos de Bonaval, xa que a parcela onde está o museo era antigamente a horta do museo. Detrás do CGAC atópanse os xardíns, recuperados hai pouco tempo para o desfrute público, mantendo os achados arqueolóxicos e antigos sendeiros.

O edificio construído por Siza reflicte a súa admiración polos racionalismos e o movemento moderno, participando da súa persoal visión poética da arquitectura e o espacio. aliña, a luz e o volume son os elementos que se combinan para dar paso a unha arquitectura austera e serena.

Sérvese da pedra como un elemento que o une coa tradición, dialogando cos edificios circundantes, respectando o sentido de historia que pervive en Compostela.

O edificio articúlase en torno a un eixo, abríndose os seus espacios interiores coma se dun abano se tratara; externamente limitado por altos muros e internamente inundado de luz. Polo vestíbulo principal podemos acceder ás salas de exposicións, ó auditorio e á biblioteca.

A terraza superior siluetea a planta do edificio e permite contemplar unha magnífica vista da zona monumental, así como comprende-la vontade integradora do autor do edificio.


En palabras de Álvaro Siza, o edificio toma sentido como proxecto unha vez coñecido o lugar onde vai ser construído:

"Comezo un proxecto cando visito un lugar; outras veces comezo antes, a partir da idea que teño dun lugar (unha descrición, unha fotografía, algunha cousa que lin).

(...) O proxecto é a aplicación do coñecemento aínda que con sensibilidade para o ambiente cultural, os materiais, a topografía, o modo de producción ou as tecnoloxías.

(...) O CGAC concentrou todo o seu programa nun edificio unitario que non rompe, dende o meu punto de vista, o contorno histórico onde está construído, aínda que é un edificio necesariamente forte, representativo, un novo instrumento para a dinamización cultural da cidade. É certo que hai angulacións pero, básicamente,é un todo.

(...) A concepción do edificio débelle moitísimo ó parque porque coma éste, está situado nun terreo con pendente e organizado en plataformas. Esas secuencias de plataformas baixan pola pendente e terminan no edificio polo que este pasa a ser unha plataforma máis; unha forma rectangular formada por dous rectángulos que seguen a secuencia das outras plataformas do parque.

(...) Unha cousa que me fascina é ver como unha pequena entrada de luz pode ser multiplicada non sei cántas veces. Gústame exercitarme niso, como por exemplo aquí no CGAC, a luz do lucernario ilumina o atrio, o corredor e as escaleiras. A luz é importante tamén porque obriga a desencadear as relacións entre os distintos elementos da arquitectura. A luz está relacionada coa cor, e coa textura.

Álvaro Siza