SEN MOVERTE DO SOFÁ

O CGAC presenta o proxecto Sen moverte do sofá (proxecto orixinal de Arquitectives). Unha serie de talleres de arquitectura que pretenden dar a coñecer aos participantes diferentes cidades coa axuda doutros compañeiros do territorio español que, coma eles, forman parte do traballo. A través de conexións virtuais, os aprendices de arquitectura, investigan e intercambian información sobre os parecidos e as diferenzas entre as urbes; a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e singularidades, que axudan a entender, de xeito global, os lugares que habitamos.

NOTA: O prazo de inscrición non dará comezo até o día 21 de maio

O CGAC inicia unha nova convocatoria dos talleres de nadal, unha actividade xa clásica na programación do centro durante os meses de decembro e xaneiro. A oferta inclúe dous obradoiros que, centrados na fotografía e a arquitectura, procuran público de entre 7 e 12 anos.

Como todos os anos o CGAC presenta a súa oferta de talleres para nenos e nenas durante o verán, nesta ocasión organizados para o mes de xullo. Con eles invitamos os pequenos a participaren en diversas experiencias artísticas en relación coa arte contemporánea, que é moito máis que simple visualización, polo que traballarán con sensacións, estímulos e reflexións culturais, buscando as súas propias formas de expresión, dirixidos por dúas profesionais da arte contemporánea en relación coa educación e a infancia. Neves Seara é licenciada en Belas Artes, artista plástica, escenógrafa e directora de diversos talleres artísticos para nenos. Amabel González é comisaria independente, asesora e crítica de arte, ademais de educadora de museo e investigadora da historia do graffiti en Galicia.

ALGO MÁIS DE COR. TERAPIA HABITACIÓN DE HOSPITAL

Este proxecto, organizado xunto á Asociación Cultural Sen Marco e trata de aplicar as teorías artísticas de Mónica Alonso, nace co desexo de poñer as manifestacións artísticas contemporáneas ao servizo dos nenos e nenas hospitalizados/as e dos seus familiares, nun intento por mellorar a súa calidade de vida durante unha situación sempre difícil. Ao involucrar os nenos e nenas no proceso creativo que supón a realización dunha obra de arte facilítase a súa estadía e lecer, ao tempo que se promove un proceso de aprendizaxe e aproximación á creación contemporánea que, á vez, implicará outras persoas relacionadas con eles (familiares, médicos, persoal hospitalario) e repercutirá directamente na mellora desa experiencia.

En vindeiros días teremos novas citas dentro do ciclo de visitas guiadas conducidas por profesionais do ámbito cultural e artístico para a exposición Jeff Wall: The Crooked Path.